Festa Declarada de Interese Turístico de Galicia
O “Grupo de 8 Concellos para a promoción conxunta do Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla”, unha vez recompilada a información facilitada polas agrupacións veciñais dos case 30 lugares e parroquias dos 8 municipios nos que anualmente se celebra esta tradición,
COMUNICAN
Que a pesar da complexidade actual por mor da situación sanitaria, os Entroidos dos Xenerais da Ulla prevén celebrar diversas actividades e actos para poder festexar o Entroido 2022 con forza máis con seguridade.
Tamén desexan manifestar o seu agradecemento e recoñecemento a todas as entidades, asociacións, comisións e persoas implicadas, que polo seu labor, responsabilidade, compromiso e ilusión, manteñen vivo cada ano o noso Entroido, que é sinal de identidade das nosas parroquias e lugares, da nosa cultura e da nosa xente.
As personaxes máis importantes son os Xenerais e Correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.
Rematan escenificando un atranque (ou alto), enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.
Dunha parroquia a outra o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos.
Xenerais e Correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego.
Moi preto de Santiago, A Ulla é unha comarca natural do interior de Galicia. O magnífico río Ulla, rico en troitas, salmóns e lampreas, articula esta bela comarca, dominada pola silueta do monte Pico Sacro, o cumio máis mítico de Galicia.
A comarca da Ulla exemplifica toda a tradición e riqueza gastronómica da cociña galega, admirada pola soberbia calidade dos seus ingredientes. Por iso a gastronomía é un dos principais atractivos desta zona, produtora ademais de queixos e viños albariños, augardentes e licores con Denominación de Orixe Protexida.
Variedade e calidade caracterizan aos aloxamentos da Ulla: hoteis, incluíndo os hoteis-monumento, pensións, albergues turísticos, áreas de autocaravanas e, como non, encantadoras casas de turismo rural…
Chamado Antroido ou Entroido por ser a entrada á Coresma (corenta días anteriores a Semana Santa, que comezan o Mércores de Cinza), o Carnaval galego asume os valores típicos desta festa de fin do inverno cun forte carácter ancestral. De data variable, adoita coincidir ao longo do mes de febreiro ou a comezos de marzo.