Festa Declarada de Interese Turístico de Galicia
Dende os 8 concellos para a promoción conxunta do Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla informamos que con motivo da actual situación sanitaria provocada pola COVID-19, as entidades organizadoras dos entroidos dos Xenerais da Ulla suspenden a programación presencial das súas celebracións nos diversos lugares e parroquias. Adoptan esta medida ante a imposibilidade de desenvolver estes entroidos no seu formato habitual. Ao tempo é un acto de responsabilidade priorizando a saúde e seguridade de todas as persoas.
Así mesmo, informamos que se desenvolverán diversas actividades virtuais e en pequeno formato coa finalidade de manter vivo o espírito do entroido da Ulla.
A Estrada: Santa Cristina de Vea, Entroido Municipal, Arnois, Santeles.
Boqueixón: Sergude, Lestedo.
Santiago de Compostela: Castiñeiriño, Marrozos, Angrois, O Eixo, Aríns.
Silleda: Lamela, Bandeira.
Teo: Rarís, Reis, Santa María de Teo, Cacheiras, Oza, Recesende.
Touro: Bama, Fao, Feira do 5.
Vedra: Vilanova, Trobe, San Xián de Sales.
Vila de Cruces: Merza, Piloño, Salgueiros.
As personaxes máis importantes son os Xenerais e Correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.
Rematan escenificando un atranque (ou alto), enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.
Dunha parroquia a outra o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos.
Xenerais e Correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego.
Moi preto de Santiago, A Ulla é unha comarca natural do interior de Galicia. O magnífico río Ulla, rico en troitas, salmóns e lampreas, articula esta bela comarca, dominada pola silueta do monte Pico Sacro, o cumio máis mítico de Galicia.
A comarca da Ulla exemplifica toda a tradición e riqueza gastronómica da cociña galega, admirada pola soberbia calidade dos seus ingredientes. Por iso a gastronomía é un dos principais atractivos desta zona, produtora ademais de queixos e viños albariños, augardentes e licores con Denominación de Orixe Protexida.
Variedade e calidade caracterizan aos aloxamentos da Ulla: hoteis, incluíndo os hoteis-monumento, pensións, albergues turísticos, áreas de autocaravanas e, como non, encantadoras casas de turismo rural…
Chamado Antroido ou Entroido por ser a entrada á Coresma (corenta días anteriores a Semana Santa, que comezan o Mércores de Cinza), o Carnaval galego asume os valores típicos desta festa de fin do inverno cun forte carácter ancestral. De data variable, adoita coincidir ao longo do mes de febreiro ou a comezos de marzo.